Shiitake e reishi: dous fungos con historia

O shiitake

Shiitake de preto: sombreiro e pé

Orixe: unha tradición de séculos en Asia

O shiitake (Lentinula edodes) é un cogomelo orixinario de Asia oriental. O seu nome é xaponés: shii é unha árbore parente do castiñeiro (Castanopsis cuspidata) sobre cuxos troncos medra de xeito natural, e take significa cogomelo.

En China, a tradición atribúelle a Wu Sangong, un home das montañas de Zhejiang na época da dinastía Song, hai uns oitocentos anos, a técnica de facer cortes nos troncos para que o fungo medrase neles. Despois, en Xapón, o cultivo en troncos estendeuse e o shiitake seco converteuse nun básico da cociña: xunto coa alga kombu, é a base do caldo dashi da cociña vexetariana dos mosteiros budistas.

É a mesma idea que seguimos en Norteseo: tronco, tempo e paciencia. Só cambia a madeira, que aquí é carballo galego.

Sabor

Carne firme e sabor profundo, con notas de bosque. É un dos cogomelos que máis umami achegan aos pratos.

Detalle do sombreiro do shiitake

Valor nutricional

Para quen o proba por primeira vez: o shiitake é un alimento lixeiro, con moita auga e poucas calorías, que achega sabor sen engadir graxa. Valores orientativos por 100 g de shiitake fresco cru:

Enerxía 34 kcal
Auga 89,7 g
Proteínas 2,2 g
Graxas 0,5 g
Hidratos de carbono 6,8 g
dos cales azúcares 2,4 g
Fibra 2,5 g
Potasio 304 mg
Fósforo 112 mg
Niacina (vitamina B3) 3,9 mg
Ácido pantoténico (B5) 1,5 mg
Riboflavina (B2) 0,22 mg
Vitamina B6 0,29 mg
Cobre 0,14 mg
Selenio 5,7 µg

Fonte: base de datos de composición de alimentos do USDA (FoodData Central, shiitake cru). Os valores reais varían segundo a colleita.

Como escollelo e conservalo

Sombreiro firme e seco, sen partes brandas. Na neveira, nunha bolsa de papel, nunca en plástico pechado.

Na cociña

Limpalo cun pano, sen lavalo baixo o grifo. O pé é duro: retiralo e aproveitalo para caldos. Salteado, á prancha, en arroces, guisos ou ramen. Recomendámolo sempre ben cociñado: así desprende todo o seu sabor.

Mercar shiitake fresco

O reishi

O reishi (Ganoderma lucidum) é un fungo leñoso de brillo lacado, que tradicionalmente se toma en infusión. Nós cultivámolo tamén sobre troncos, secámolo e moémolo.

O reishi (lingzhi en chinés) ten un lugar especial na cultura do leste asiático. Aparece nos textos clásicos chineses sobre plantas, e tamén na pintura, na cerámica e na arquitectura como símbolo de longa vida e boa fortuna; a súa silueta inspirou o ruyi, o cetro ceremonial chinés. Ao contrario que o shiitake, é duro e amargo, e non se comía como un cogomelo máis.

Contámolo como parte da historia e da cultura destes fungos. Non lles atribuímos ao shiitake nin ao reishi propiedades para a saúde.